28 fevereiro 2006


Onte tiña que lavar unha alfombra, así que a miña nai máis eu fomos o lavadoiro (acompañadas dunha fotógrafa de excepción).
Unha vez alí e por un momento, pechei os ollos e intentei pensar nese lavadoiro 40 ou 50 anos atrás. En tódalas mulleres que estarían alí lavando moreons de roupa, falando das cousas da vida, aterecidas co frío da auga, cargadas co peso da roupa mollada,...
E abrín os ollos e non puiden ver máis ca un lugar abandonado, cheo de pintadas, que xa nin se lembraba da súa función.
Agora comprendo porque cando lle preguntas a unha muller maior cal foi o mellor invento da humanidade, responden sen dúbidas: ¡a lavadora!.
E eu engado: ¡QUE MULLERES AS DAQUELA!

26 fevereiro 2006



Levo uns días moi complicados......, realmente o que pasa é que a vida de adulta é moi complicada.
Cando era máis nova ,aínda que tiña preocupacións, non deixaba de durmir por elas. A medida que me fago maior todo se complica, tendo cada vez máis responsabilidades, tendo que tomar decisións importantes, e ata dependendo de min outras persoas.

As veces penso que na universidade aínda que aprendín moito, non me ensinaron nada da vida, de loitar, de sair adiante, do duro que é todo. Tiven que ir aprendendo, ás veces a golpes, saíndo adiante da mellor maneira posible, intentando non perder os folgos, a ilusión...

Pero tamén teño que dicir, que a medida que avanzo -aínda que sea tan paseniño coma unha tartaruga-, o mirar para atrás, digo con orgullo "eu sola conseguin chegar ata aquí". E síntome feliz.

14 fevereiro 2006


Unha vez preguntáronlle a Buda que era o que máis lle sorprendía da humanidade. Buda respostou:
"Os homes, que perden a saúde por xuntar cartos, e despois perden os cartos para recuperala, e que por pensar no futuro, esquecen o presente de tal maneira, que rematan por non vivir o presente nin o futuro. Viven coma se endexamais fosen a morrer, e morren coma se nunca vivisen."

12 fevereiro 2006


Hoxe, como facía moi bo día, leváronme a pasear a un lugar fantástico, xa estivera alí perto moitas veces, pero xusto nese sitio non.
Se pasades cerca, visitádeo. Seguro que gostades del.

07 fevereiro 2006

Melro


Cando miraba o meu pai coller as farangullas do mantel e botalas na horta pensaba -"a idade estalle facendo estragos, mira ti por onde se lle da agora"-.
Co tempo entereime do motivo da súa teima, cada mañán un melro visita a horta para comer todas a farangullas que o meu pai lle bota o día anterior. Fíxome gracia, ningún dos dous se esquece nunca da súa cita.
Hoxe cando estaba na cociña, ó lado da fiestra, volvín a miralo e decidín contarvolo, porque quizáis algún de vos tamén reciba visitas de melros.

06 fevereiro 2006

Desculpas



Despois de moito tempo, hoxe pedíronme unhas desculpas moi sentidas. Agardo que sexan de verdade. Estou feliz.

05 fevereiro 2006

Manías

Vinme envolta na corrente blogueira desta tempada da man de Torredebabel, despois de ler a súa invitación comecei a cavilar, ¿cales son as miñas manías?, ou máis ben, ¿cales son as miñas manías máis destacadas?. Realmente é complicado, porque son pequenas cousas ás que estas acostumada e das que prácticamente non te das conta, ata que alguén chega e diche "pero mira que te manía con facer isto ou aquilo". Despois de moito analizar creo que estas son algunhas das miñas manías:

1. levántome dun chimpo ó soar o despertador, é algo instantáneo, un acto reflejo (aínda que co paso dos anos vai sendo un chimpo menos enérxico), e despois da ducha e de vestirme teño que facer a cama, non son capaz de facelo noutro orden, se isto se altera síntome incómoda e sei que vou ter unha mala mañán.

2. gústame todo moi ordenado e limpo, se sei que algo non está no seu sitio ou queda por limpar non son capaz de estar queda ata que o fago.

3. non como verdura crúa e non como froita, dende nunca, e o cheiro da familia dos cítricos dame moito noxo e ata náusea.

4. os bolsos. Encántanme, vólvenme tola.....prefiro pasar sen algo que me falla falta pero comprar un bolso do que goste.

5. non son capaz de durmir sen algo de claridade, así que sempre deixo un pouco subida a persiana, e tampouco podo facelo se non teño as sabas ben apretadas nos pes, ó deitarme arrastroas para comprobar que non se moven.

Como xa case todo o mundo contou as súas 5 manías invito a oko(que aínda non o fixo) e a calquera visitante desta bitácora que se atreva a contarnolas.

Tras unha semana extraña (e sen internet), xa estou de volta. Nesta semana pasada viaxei, tiven frio, fun a entrevistas de traballo e non cumplin coa miña dieta. Pero, como mañan é luns, teño unha nova oportunidade para cumprir todos os meus propósitos. É o bo que teñen os luns.